Estudiaban na vella facultade,
universidade de Santiago,
cando foron adolescentes
expulsados por defender
a rebelión espiral do seu pobo
e o nirvana da inocencia rota.
Detido el e condenado, descansa
na tutela efusiva do discurso,
refuxiado na liturxia exquisita
do sublime espectáculo ritual.
Doctorado en feridas varias
é poeta importante
e un importante profesor de enigmas
e madrugadas, aprendendo a vivir
(¿a onde irán os soños, a onde irán...?).
Místico singular,
non abandona a protesta
nin a reivindicación da patria,
aínda que sexan poucos os que o comprendan
e menos aínda os que o aplaudan.