I
"Un libro quedó al borde de su cintura muerta,
un libro retoñaba de su cadáver muerto".
César Vallejo
Viñeron a por ti, doctor Vega,
inflamados pero covardes,
en manada,
ocultando os seus nomes
ou con nomes postizos,
en manada,
verdugos e delatores, esbirros, matóns...
Os grimosos fascistas
que baixaron dende a trama
-- a falanxe carné de identidade --
vestindo os días de loito,
xugulando a luz e a liberdade...
Si,
viñeron a por ti
e a por todos os ti que incomodaban,
eles con careta, nomes postizos, ratas en caravana...
¡e non conseguiu paralos nin a emblemática Muralla!
A estes feros verdugos e ós seus lindos fillos
¡¡pecha a Muralla!!
II
"Niños del mundo
...
¡qué temprano en el sol lo que os decía!"
César Vallejo
De silencio cúbrese a cidade, Luis,
e ti non eres quen de deter a hemorraxia.
É de noite, escoitas pasos, máis e máis pasos...
O medo avanza rápido coas sombras
e o horror bárbaro pasea as cunetas
de vultos inocentes ateigadas,
atroz holocausto das nosas xentes...
¿Quen derruba o espanto desta morada...?
A esa infamia que encheu a faltriqueira
vendendo coroas e responsos ás viúvas
(¡ai, ai, ai pero qué piadosos eles!)
a esa inmundicia
que engordou con sangue as súas contas bancarias
¡¡pecha a Muralla!!
III
"... caminantes las lunas nos seguían;
también sudaba de tristeza el muerto".
César Vallejo
¿Regresan en off
os vellos fascistas, ideoloxía putrefacta...
... os antediluvianos mesías
ataviados con medallas oxidadas, de delictos ornadas?
Estes dinosauros, emboscados en cargos institucionais,
e os seus elegantes fillos tirados a multicopista
¿ “asoman otra vez la patita”...?
¡Quita alá! ¡Se nunca se foran...!
(“todo atado y bien atado”)
Erguen as persianas, provocativos...
insolentes, recachan impunidades.
Aquí algo non funciona
ou funciona mal, moi moi mal...
Non é un xogo nin un disco raiado
ou unha simple anédocta banal.
Todos o sabemos pero....
... pero finximos ignoralo.
Todos o sabemos pero...
... pero se cadra temos medo.
Temos medo das noites
que ladran á lúa,
temos medo ás fauces
dos rancios paranoicos
que regurxitan vellos odios...
Algo non funciona
¡non señor!
cando o pánico
entrampa as entrañas.
¡Imponse resistir!
¡Non pasarán!
¡Si señor, D. Anxel!
¡¡ Pecha a Muralla!!