P Ó R T I C O
Confeso que teño os meus párpados de proletario deslocalizado incinerados de tanto cortexarte na voz da disidencia ¡ai, meu amor e castigo!, inxectando busca e captura nos pentagramas da melancolía, cosidos os meus ollos aos teus como están.
Déboche miles de versos
que non
son quen de escribir,
débesme
séculos de caricias
que non
eres quen de concibir.
E non te teño,
meu amor,
e non te teño. E non te teño
pero confío cegamente na profecía que anuncia
a túa presencia espida,
grácil e virxe, coma unha alfaia subversiva
navegando na brétema
do río Miño. Neste páramo no que habito
invoco os teus labios
que residen nos meus ollos
como incógnitas,
para comezar a vivilos.
Invoco os teus labios para non sucumbir
nos camiños do despropósito
(recollendo o eco dos días fríos)
e para non afogar nun vaso de auga...
...¡tremendo tanto amor como eu sinto por ti, que nin cabe neste libro...!
...¡e ti que nin me prestas a mínima atención!...
...outra cousa mellor para darche non teño, meu ben...